sábado, 20 de agosto de 2016

Ensalada de cuscús

Estaba claro, tiña que ser antes ou despois. Con tanto doce, acabaría tocando unha ensalada para depurar. Festas, aniversarios e moitas larpeiradas derivan nun pouco de deporte e nalgunha que outra receita saudábel para compensar. Mais tranquil@s, non habemos de tardar en papar algunha outra lambetada.
Demos co cuscús xa hai algo máis de dous anos e desde aquel día converteuse en parte fundamental da nosa dieta diaria por saboroso e por recorrente pois permítenos combinacións de todo tipo. Desta volta integrámola cun pouco de pavo xa que recibimos hai pouco un conxunto de alimentos de El Pozo aos que lle estamos tirando moitísimo proveito. Polo demais, ir completando até a considerarmos axeitada para un xantar lixeiro mais tamén satisfactorio. E cremos que quedou unha ensalada ben xeitosa, ou non?

Ensalada de cuscús


Ingredientes (para 2 persoas):

  • 250g de cuscús
  • 3-4 lascas grosas de pavo
  • 2 tomates
  • 1/2 cebola
  • 1 bote de chícharos
  • 1 bote de millo doce
  • 10 olivas
  • Auga
  • Aceite de oliva
  • O zume de 1/2 limón
  • Un chisco de estragón
  • Un chisco de ourego
  • Pementa moída
  • Sal
Utensilios: un cazo, unha cunca, un coitelo e unha culler.


Elaboración:

Para comezarmos temos de facer o cuscús. Para iso, quentamos 250ml de auga e cando ferva, retiramos do lume e engadimos o cuscús. Remexemos ben e deixamos repousar 3-4 minutos. Despois remexemos de novo e xa estaría listo. 



Mentres se fai o cuscús, adiantamos o resto dos pasos, é dicir, picamos a cebola, o tomate e o pavo en dados pequenos. E mesturámolo cos chícharos e o millo doce. 



Engadimos o cuscús e aliñamos co ourego, o estragón, o sal, a pementa moída, o zume de limón e o aceite ao noso gusto.


Mesturamos todo moi ben e decoramos coas olivas. 


E xa estaría preparada a nosa ensalada, moi rica e saudábel, para comer! 


Xa vedes que esta é desas receitas que van na categoría de "día a día", das que forman parte da nosa vida diaria tanto polos múltiples beneficios alimentarios como pola sinxeleza da súa preparación, que nos permite saír de calquera apuro. Xa vos dicimos que aquí nunha falta un bote cheo de cuscús para calquera ocasión. Mesmo estamos pensando en incluílo en algunha sobremesa. E por que non? Aí está o arroz con leite, triunfando desde o ano "catapum", haha.
Adiante coa ensalada e adiante coas últimas semanas de agosto. Aproveitade!!! Apertas, amig@s!

4 comentarios:

  1. Que rica por favor! me encantan estas ensaladas tan fresquitas que se salen de lo normal. Me la anoto

    Un abrazo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas, Diana! Nós pensamos que hai que variar para non aborrecer ningún prato!!
      Bicos guapaa!

      Eliminar
  2. Mmm... me encanta el cuscús!
    Nos apuntamos la receta jejejeje

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Perfecto! Se a facedes, xa nos contaredes o resultado, aínda que seguro que vos encanta!
      Un bico e mil grazas!

      Eliminar