sábado, 29 de agosto de 2015

Macarons

Fin das vacacións de Bolboretas no bandullo, mais esta volta ao traballo é diferente a outras xa que a nós sempre nos tarda volver a presentarvos novas receitas. Non hai cousa mellor.
E facémolo cun dos doces de moda, que encontramos en moitísimas pastelarías, normalmente con cores ben rechamantes. E claro, nós até agora non nos animáramos con eles. Ten unha explicación xa que cando os probamos, en Compostela, non nos chistaron moito. Porén, esta semana decidímonos a probar na casa, para ver como saían. E o resultado foi moito mellor do esperado. Talvez sexa pola crema de cacao, mais estes macarons dan boa alegría ao bandullo.
Esta larpeirada provén da Francia, de onde recollemos o termo, aínda que con orixe no italiano (maccarone, denominación dunha pasta seca do momento). Xurdiron no XVI como simples bases e non foi até o XIX cando se comezaron a unir de dúas en dúas cun recheo no medio, normalmente moi doce.
Nas últimas décadas, os macarons comezaron a ser comercializados nas grandes capitais mundiais, alcanzando cada vez máis éxitoso, sobre todo nestes anos de apoxeo da repostaría creativa. Ollade pois, que xeitosos son:

Macarons 


Ingredientes (para 8 macarons):
  • 70 gr de azucre glas
  • 2 culleradas e media de améndoa moída
  • 1 clara de ovo
  • 1 cullerada de azucre
  • Crema de cacao
  • Colorante (opcional)
  • Labras de chocolate (opcional)

Utensilios: cunca, peneira, batedor eléctrico, espátula, bandexa de forno, manga pasteleira e papel vexetal.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de mesturar o azucre e a améndoa e pasalos varias veces pola peneira para que quede o máis fino posíbel.



De seguir, montamos a clara a punto de neve. Cando comece a espesar, engadimos a cullerada de azucre e seguimos batendo. Unha vez preparada, engadimos unhas gotiñas de colorante e batemos até que tinga completamente. 




 A continuación, engadimos á clara a mestura da améndoa e o azucre, podémolo facer en dúas partes para que sexa máis sinxelo, e mesturamos moi ben coa axuda dunha espátula. 


Botamos a mestura nunha manga pasteleira, cortamos a punta e imos facendo círculos coa mestura sobre unha bandexa de forno cuberta con papel vexetal. Botámoslles unhas labras de chocolate (ou unha pouca de améndoa, boliñas de cores etc.).




Agora témolos que deixar repousar até que sequen completamente (cando toquemos non nos poden manchar) e iso dependerá da vosa casa; a nós levounos sobre 2 horas. 


De seguir, enfornamos a 150º (calor arriba e abaixo) colocando a bandexa na parte superior do forno durante 10 minutos, despois, abrimos o forno para que entre aire, pechamos e deixamos no forno 3-4 minutos máis. 


Deixamos arrefríar un pouco e estendemos unha capa da crema de cacao sobre unha das caras e tapamos con outra galleta. 


E... c´est fini. Finalizamos esta receita francesa de éxito. Nós desta volta probamos cunha pequena cantidade xa que non tiñamos claro se non saberían moito. Mais visto o visto, para a próxima dobramos ou triplicamos cantidades, ñam, ñam. Unha vez descuberta a receita, agora toca probar con novos sabores e novas cores que fan deste lambonada unha marabilla visual e gastronómica. Queremos ver xa macarons polas vosas cociñas. Xa nos enviaredes mostras. Que seguro que vos saen fermosos e saborosos. Unha aperta, lambisqueir@s!

4 comentarios:

  1. Me encantan los macarons! Se ven deliciosos y que bonitos te han quedado

    Un abrazo

    ResponderEliminar
  2. dan mucho trabajo pero merece la pena por el resultado, ya lo creo! te han quedado divinos! bicos

    ResponderEliminar
  3. dan mucho trabajo pero merece la pena por el resultado, ya lo creo! te han quedado divinos! bicos

    ResponderEliminar
  4. Divinisimoooooooooooooooos y no dudo ni un segundo esten deliciosos , me quedo con las ganas de catarlos siguien siendo una de mis asignaturas pendientes.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar