domingo, 5 de xullo de 2015

Peitugas asadas

Desta volta tedes novas nosas un día máis tarde do habitual por motivos laborais, mais a espera ben merece a pena. Despois dunhas cantas larpeiradas, cumpría retornarmos a un prato máis recorrente para o día a día. Así pois, hoxe presentábamos un dos pratos que se adoitan elaborar na nosa casa xa que o polo é unha das carnes coas que facemos máis menús.
Para nós, se algo convén ter sempre no conxelador é unha peituga de polo. Dela podedes sacar mil e un pratos, desde clásicos até innovadores. Ollade polo blogue que encontraredes máis dunha receita.
Aquí vos vai unha receita sinxela e de moita funcionalidade:

Peitugas asadas


Ingredientes (para 6 persoas):
  • 4-5 peitugas enteiras
  • 3-4 cenorias
  • 1 tomate grande
  • 1 cebola grande
  • 250 ml de cervexa
  • 200 ml de auga
  • 50 ml de brandy
  • 3-4 culleradas de aceite
  • Estragón
  • Allo moído
  • Pementa moída
  • Sal
Utensilios: táboa, coitelo, batedor eléctrico, fonte apta para forno.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de trocear as peitugas e adobalas co allo moído, o estragón, a pementa moída e o sal, sempre ao noso gusto. Reservamos mentres preparamos as verduras, aínda que estarán máis saborosas se as deixamos unhas 2-3 horas.



De seguir, picamos as verduras e botámolas na fonte en que imos asar as peitugas. Nós, neste caso, non as cortamos moi finas xa que despois bateremos a salsa. Engadímoslles, tamén, un chisco de estragón e pementa moída. 

Colocamos as peitugas sobre as verduras e engadimos a cervexa, a auga e o brandy.  



Enfornamos a 190º, calor arriba e abaixo, durante 1 hora 30 minutos. Tede en conta que a metade da cocción teremos que darlle a volta ás peitugas. 


Separamos as peitugas da salsa e trituramos esta última coa axuda do batedor. Despois, botámola de novo sobre as peitugas.


E xa estarían preparadas para comer! Que aproveite!


Se sodes amig@s de facerdes prato con polo, tedes aquí unha boa nova con estas peitugas asadas. Un prato de tradición na nosa familia que xa chegou ás miñas mans e que de seguro que faremos anos e anos. Carne de polo substanciosa e moi moi saborosa que gusta a todo o mundo.
Aquí tedes xa unha nova receita para facerdes calquera día e tirarlle moitísimo rendemento. Unha fortísima aperta!

Ningún comentario:

Publicar un comentario