sábado, 27 de xuño de 2015

Rolo de carne recheo

Primeiro sábado de verán e continuamos coas nosas saborosísimas receitas. A pesar de que temos arquivada unha desas tortas que tanto vos gustan, non queriamos adozarvos demasiado así que hoxe optamos por unha deses pratos estrela para un menú de festexo ou celebración. No noso caso polas festas de San Xoán de Covas que celebramos ano tras ano. O primeiro prato foron unhas Vieiras ao forno riquísimas e a sobremesa unha torta espectacular que proximamente vos presentaremos.
Hai mil formas de prepararmos a carne de porco, mais cremos que o feito de a reencher convértea nun prato de altura. De todas formas, segue sendo fundamental un bo mollo para a acompañar. É probábel que xa a teñades feito nalgún momento, mais se non foi así, animádevos. No verán temos un cento de festexos e enchentas, e na Galiza somos tan amig@s do bo comer...

Rolo de carne recheo

Ingredientes (para 3 roliños de carne):

Para a carne:
  • 3 kg, aproximadamente, de carne para enrolar 
  • 600 gr de cogomelos
  • 500 gr de xamón serrano en lascas
  • 1 cebola grande
  • 9 dentes de allo
  • 1 cullerada de estragón
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite
Para a salsa:
  • 200 gr de cogomelos
  • 1 pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 1 cebola
  • 400 ml de viño branco
  • 1 vaso de auga
  • 1/2 vaso de brandy
  • 3-4 culleradas de aceite
  • 1 culleriña de estragón (opcional)
  • Pementa moída
  • Sal
Utensilios: fonte apta para forno, táboa, coitelo, picadora, fío.

Elaboración:

Para comezarmos temos que preparar a carne. Cando vaiamos á carnizaría, temos que pedir carne , de porco ou tenreira (a nosa é de porco) para poder facer un rolo e alí xa nola cortan de forma que só teñamos que reenchela. Como era para as festas, nós pedísmolles, aproximadamente, 3 kg de carne e para esa cantidade saíron 3 rolos, mais iso dependerá de se a peza é máis grande ou máis pequena.
Primeiro temos que a adobar, picamos na picadora os dentes de allo, o estragón, unha cullerada de aceite e un chisco de sal. 

Estendemos a mestura pola carne e engadimos un chisco de pementa moída e deixamos repousar un bo anaco no frigorífico para que a carne colla máis sabor. 


Para o recheo, temos que empezar cortando finamente a cebola e rustríndoa en dúas culleradas de aceite. Cando abrande, engadimos os cogomelos cortados en tiras e mesturamos ben. Deixamos cociñar 5-7 minutos e xa estaría preparado. 



De seguir, colocamos as lascas de xamón sobre a carne e, sobre elas, os cogomelos preparados coa cebola, deixando un extremo sen recheo. 



A continuación, enrolamos a carne e bridámola coa axuda dun fío para que non perda a súa forma no forno.





De seguir, temos de preparar a salsa. Picamos a cebola e os pementos e colocámolos sobre a fonte en que imos asar a carne. Sazonámolos con pementa moída, sal e, se queredes, un chisco de estragón. 



Poñemos a carne sobre elas e agregamos o viño, a auga, o brandy e as culleradas de aceite. 


Enfornamos a 190º, calor arriba e abaixo co ventilador, durante 1 hora 30 minutos, lembrade que no medio da cocción teremos que darlle a volta os rolos. Da mesma forma, cando falten 15 minutos ou así, teríamos que botar os cogomelos mais, como se nos esqueceu, nos rustrímolos nunha tixola e engadímolos despois. Xa sabedes, a cabeza erra ás veces, mais logo se atopa solución.


Despois, cortamos os rolos en toros e, neste caso, nós trituramos a salsa e engadímoslle os cogomelos. Servimos acompañando a carne de patacas fritidas/asadas/cocidas, ensalada ou o que máis vos guste e xa estaría preparada para comer! 


Un prato digno dun moi bo menú sen nos deixar unha grande cantidade económica polo camiño. Ademais, non conleva grande esforzo a súa preparación e daranos para o xantar, cea e seguramente para algunha comida máis. Ou así nos sucedeu a nós, hahaha. Unha óptima forma de alimentar a un grupo importante de comensais exixentes.
De seguro que logo temos novidades de vós a través da elaboración desta suculenta carne. Ou iso agardamos. Unha fortísima aperta amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario