martes, 14 de abril de 2015

Carne asada con verduras

Martes 14 de abril, nova receita. Sempre dicimos que en Bolboretas no bandullo intentamos dar cabida a todo tipo de receitas, desde as máis innovadoras e atrevidas até as tradicionais, de sempre; ás do país e ás doutras nacións; ás máis sinxelas e rápidas e ás que son algo máis duradeiras no tempo e complexas... 
Así pois, hoxe presentámosvos un prato destes que con seguridade nunca falta en ningunha casa, mais que, non tendo moi claro o motivo, ás veces fica fóra dos pratos elaborados polas novas xeracións. Adoitan facer a carne asada os avós ou avoas e os pais e nais, mais se quixermos seguir degustando é mellor ir aprendendo a facer.
Talvez non sexa tan atractivo como algún outro aínda que dificilmente imaxinamos a nosa alimentaicón sen a carne asada, excepto @s que xa non gustan da carne, claro. Esta receita nada novo dirá para moitísimas persoas que levan anos e anos preparando pratos coma este. Porén, cremos que si pode ser de axuda para animar a persoas que lle teñen respecto a estes clásicos. Con pouquiños pasos e unha boa carne, lograredes terdes un menú saborosísimo e moi nutritivo. Ademais, de seguro que vos sentides mellores e máis competentes despois de o preparardes.

Carne asada con verduras

Ingredientes:
  • 1 kg e medio de carne tenra de porco 
  • 2 cenorias
  • 1 pemento vermello
  • 1 cebola
  • 3-4 dentes de allo
  • 1 vaso de viño branco
  • 1/2 vaso de Brandy
  • Aceite
  • Estragón
  • Pementa moída
  • Sal
Utensilios: coitelo, vaso, fonte para forno.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de cortar a nosa carne en anacos. Para esta receita debemos escoller unha carne branda e moi tenra como o lacón, o solombo, xamón etc. De seguir, adobámola para que estea máis saborosa. Para iso, botámoslle o estragón, a pementa moída e o sal ao noso gusto; tamén, engadimos os allos picados e dúas ou tres culleradas de aceite. Mesturamos ben e deixamos repousar mentres preparamos o resto dos ingredientes (aínda que se o facemos dun día para outro terá máis sabor. 




A continuación, picamos as cenorias, a cebola e o pemento e colocámolos no fondo da fonte en que imos facer a carne. Se queremos, podemos engadir un chisco de sal e pementa moída. 


Despois, colocamos a carne sobre as verduras e agregamos o viño branco e o Brandy


Enfornamos a 180º-190º (o forno debe estar prequente), calor abaixo e co gratinador, durante, aproximadamente, 1 hora 40 minutos. Lembrade que a media cocción debemos darlle a volta á carne. 


Xa vedes, que sinxelo! Que prato tan digno e que pracer comelo... Aquí deixámosvos unha posibilidade, mais igual que sempre vos recomendamos cos clásicos, o mellor modo de o preparardes é demandándolle aos expertos da vosa casa un par de consellos. Seguro que vos son de moitísima utilidade e lle dan un salto de calidade ao voso prato. A fin de contas, @s que máis saben son aqueles/as que levan anos e anos alimentando unha familia :-) Unha forte aperta bolboreteir@s, pasade bo martes!

2 comentarios:

  1. Ummmmmmmmmm que rica la carne asi que pena no poder meter la mano y dar cuenta de un platin seguro estaba de rexupete no hay mas que ver las fotos te ha quedado de relujo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas, tanto polas túas palabras como por lernos sempre!
      Un bico!

      Eliminar