martes, 3 de marzo de 2015

Polbo con gambas

Unha receita máis de Bolboretas no bandullo, aínda que xa vedes polo título que non mudamos de rexistro. Algo fundamental na cociña ao longo da historia foi o aproveitamento dos produtos sobrantes de pratos anteriores. Convén pensarmos en calquera forma de aproveitar a comida para que esta non acabe no lixo. E ademais, cantos grandes pratos teñen saído das sobras...
Así pois, da nosa última receita, canelóns de polbo á mugardesa con salsa de queixo, sobrounos un pouco deste delicioso cefalópodo. E claro, para degustalo só facíase algo escaso, así que pensamos en acompañalo dun marisco que nos encanta como as gambas. Así cun pouco de polbo e cunhas poucas de gambas lógrase un prato moi digno e saboroso. Como combinación rozan a perfección xa polo seu sabor, que se intensifica aínda máis con ese paso rápido pola tixola. Un pequeno luxo que podedes ter en conta para cando vos sobre algo de polbo doutras receitas como o polbo á feira, ou os propios canelóns. Aquí a tedes:

Polbo con gambas

Ingredientes:
  • 1/2 polbo cocido (receita aquí)
  • 200 gr de gambas
  • 2 dentes de allo
  • 2 chiles 
  • Pementa moída
  • Sal
  • 1/2 vaso de viño
  • 2-3 culleradas de aceite
  • Opcional: pemento doce ou picante

Utensilios: tixola, cazo, culler de pau, coitelo. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos de preparar as gambas. Nós, neste caso, escollémolas conxeladas polo que o primeiro paso foi desconxelalas. Para iso, botámolas nun cazo xunto co viño branco e dámoslles un fervor. De seguir, escoámolas e reservamos. 


A continuación, fritimos os dous dentes de allo laminados e os chiles. 


Cando o allo se comece a dourar, engadímos as gambas e deixamos que se cociñen 2-3 minutos. 


De seguir, agregamos o polbo cortado en anaquiños e mesturamos ben. 


Deixamos que se frita un pouco e xa estaría listo para comer! Opcionalmente, podemos servilo cun pouco de pemento doce ou picante ou mesmo acompañalo dalgún fungo.


Xa vedes, máis sinxela imposíbel. Unha vez cocido o polbo... pouco máis traballo queda, e como nós xa o tiñamos cocido dos canelóns, pois perfecto!! Se gustades destes dous produtos, éxito seguro. A nós canto menos, encántantos por separado e xuntos. Agardemos que desfrutedes esta sinxela e exquisita receita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario