sábado, 31 de xaneiro de 2015

Saquiños sorpresa

As últimas fins de semana veñen sendo sempre iguais, incluso esta peor xa que está a caer o ceo, por iso insistimos na nosa mensaxe: aproveitade para cociñar que é do que máis presta en días así.
Presentamos pois unha nova receita, que fixemos nesta semana pola visita duns bos amig@s. Iso si, foi un pouco improvisada, xa que andabamos algo enleados con outras cousas. Mais non por iso hai que descoidar a comida, e menos tendo convidad@s. Ocorréusenos pois, elaborar uns saquiños sorpresa cos que procurabamos precisamente sorprender, e facelo sen que nos dese moito traballo. Compramos unha masa fina para poder darlle a forma dos sacos e xa pensamos no recheo, que procuramos fose completiño, con produtos ben diferentes. Optamos entón por un pouco de carne picada, uns fungos, algunha verdura como berenxena ou cebola e... un froito seco moi saboroso como o pistacho. Combinación algo arriscada, mais que saíu á perfección, sobre todo ao se fundir o queixo dando unidade a todos eses sabores, mmmmmm.

Saquiños sorpresa

Ingredientes (para 6 unidades):
  • 1 lámina de masa filo
  • 200 gr de carne picada
  • 5-6 cogomelos
  • 1 cebola 
  • 1/2 berenxena
  • 15 pistachos
  • 6 dadiños de queixo
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 3 culleradas de salsa de tomate
  • 2 culleradas de aceite
  • Allo en po
  • 1/2 culleriña de comiño
  • 1/2 culleriña de ourego
  • 1 chili picante
  • Pementa moída
  • Sal
Utensilios: tixola, coitelo, culler de pau, rolete e moldes para madalenas.

Elaboración:

Para comezar temos de adobar a carne picada. Para iso, colocámola nunha cunca ou prato e sazonámola co allo en po, o comiño, o ourego, o chili, e un chisco de sal e pementa moída. Reservamos. 


A continuación, picamos a berenxena en cadrados moi pequenos e colocámola nun prato con papel absorbente e un chisco de sal. Isto faise para quitarlle o amargor. Reservamos. 


De seguir, lavamos moi ben e picamos os cogomelos, e picámolos finamente ao igual que a cebola e os pistachos. Reservamos. 


 Agora, temos de rustrir a cebola e a berenxena en dúas culleradas de aceite.



 Cando estean brandiñas, engadimos a carne picada e cociñamos até que mude de cor.


 De seguir, engadimos o viño branco e deixamos que se evapore.


 A continuación, engadimos os cogomelos, os pitachos a salsa de tomate e mesturamos ben. Rerservamos.



Por outro lado, estiramos a masa coa axuda dun rolete, cortamos círculos e colocámolos nos moldes para as madalenas, a masa ten que sobresaír bastante para poder cerralos.


Repartimos a carne e poñemos un dadiño de queixo sobre cada un. Pechámolos xuntando a masa sobrante no centro. 



 Enfornamos a 180º (debe estar prequente), calor arriba e abaixo, durante 20-25 minutos.



 Podémolos servir acompañados de arroz (nós aproveitamos o que nos sobrou da carne para botarllo ao arroz) e xa estarían preparados para comer! Que aproveite!



Que vos parece?? Se teñen boa pinta, o sabor aínda mellor. Para quen teña tempo, aínda pode traballar máis a forma dos sacos e mesmo cerralos con algún fío de vexetais como o do ceboliño. E se tedes a man algunha outra masa aínda máis fina, pois mellor que mellor. O que si, o resultado sorprenderavos. E é unha boa oportunidade para integrar algún outro elemento que vos atraia e sobre todo para incluirmos na nosa alimentación diferentes produtos. Xa vedes que combinación tan variada fixemos nós :-) Pois resistide a bategada e aproveitada para traballardes algo en beneficio do bandullo :-) APERTAS!

3 comentarios:

  1. ¡Chic@s, isto é unha ledicia de receita! ¡Góstame todo o que levan dentro os saquiños, pero e que o exterior tamén pinta xenial! ¡Parabéns pola valentía de misturar deixando atrás os medos! Arriesgáchedes e ganáchedes... ¡Bravo! Seguide así, que eu me levo todas as receitas encantada da vida... hahaha

    ¡Bicos e apertas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas!! Eu penso que na cociña debemos arriscar, pode que algunhas cousas saían mal, mais descubriremos pratos espectaculares... hahaha!
      Alegrámonos que che gusten as nosas receitas,
      Un bico e unha aperta enormes!

      Eliminar
  2. Thanks for sharing, nice post! Post really provice useful information!

    FadoExpress là một trong những top công ty chuyển phát nhanh quốc tế hàng đầu chuyên vận chuyển, chuyển phát nhanh siêu tốc đi khắp thế giới, nổi bật là dịch vụ gửi hàng đi nhậtgửi hàng đi pháp uy tín, giá rẻ

    ResponderEliminar