sábado, 27 de decembro de 2014

Xarrete á sidra

Xa estamos aquí cunha nova receita que seguro que apaixona aos máis carnívoros e carnívoras. Un dos pratos elaborados na nosa casa para o menú de Noiteboa, mais que, por case empacho cos primeiros pratos acabou por ficar para o xantar de Nadal.
O xarrete é unha das partes da tenreira máis saborosas que hai, tanto para facer ao forno como neste caso, como para facer nun cocido ou mesmo para guisar. Hoxe en día, adoitan darcho xa sen o óso na carnicaría, sendo máis cómodo para preparar receitas como estas, mais para outros pratos é fundamental manterlle o óso. Encontraredes esta carne en diferentes restaurantes, aínda que rara vez aparece co nome galego, trocándoo pola denominación ossobuco. Sexa como for, é unha carne moi substanciosa, blanda e saborosa, que nos queda moi ben para conformar un bo menú para estas festas. 

Xarrete á sidra

Ingredientes:
  • 1 1/2 de xarrete
  • 1/2 botella de sidra
  • 1 vaso de auga
  • 100 ml de nata
  • 200 gr de cogomelos
  • 5-6 dentes de allo
  • 2 allos porros
  • 1 cebola grande
  • 1 tomate
  • 3 culleradas de aceite
  • 2 culleradas de mostaza
  • Un chisco de sal
Utensilios: fonte apta para forno, coitelo, táboa...

Elaboración:

Para comezarmos temos de cortar a carne e adobala cos dentes de allo finamente picados. o aceite e un chisco de sal. Reservamos. 


 De seguido, picamos finamente os allos porros, a cebola e o tomate e colocámolos na fonte en que imos asar a carne. 



 Colocamos a carne sobre a cama de verduras e botamos a sidra e o vaso de auga. 


 Enfornamos a 180º, co gratinador e o ventilador, durante, aproximadamente, 1 hora 40 minutos. 


Cando pase un pouco da hora, engadimos os cogomelos picados e a mostaza mesturada na nata e mesturamos un pouco. 




 E xa estaría lista para comer! Tede en conta que este carne a podedes preparar con antelación e quentala uns minutos no microndas xunto antes de a comer. 


Para nós un dos pratos máis saborosos que hai, canto menos dos de tenreira, sobretodo se vai ben acompañada como neste caso, cun mollo que non pasa desapercibido. Resulta moi suave, fácil de mastigar e cun sabor moi moi agradábel. Aquí tedes, pois, para @s que aínda non decidistes, a miña suxerencia para o menú de fin de ano. Éxito seguro. Bo día bolboreteir@s!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario