martes, 18 de novembro de 2014

Paella de marisco

Xa andamos por aquí de novo benquerid@s lectores/as, e desta cun prato típico, un deses que é recurso en todas as casas de vez en cando, a paella. Unha receita coñecida internacionalmente e cuxa denominación mesmo asentou en linguas ben distantes. Con todo, a pesar de que se adoita pensar como un prato xeral de España, a súa orixe está na zona valenciana. De feito o termo "paella" é catalán (provén do latín patella) e referíase na súa orixe á grande tixola de metal en que se facía o arroz, que como ben sabedes se adoita facer con moi diferentes produtos: verduras, polo, coello, pescado, aínda que nós desta volta optamos pola de marisco xa que estabamos de celebración na casa.
Cómpre dicir que este é un prato que até o de agora nunca fixera, e foi elaborado grazas á axuda de miña nai, que estivo en todo momento pendente da paella. É unha sorte ter unha grandísima cociñeira na casa da que tanto aprender :-)
Tamén é certo que até o de agora non era unha receita que me chamara moito, non me entraba polo ollo. Porén, hai un tempo deume por probala, e quedei moi satisfeita e con moitas ganas de a facer eu mesma. E agora contentísima co resultado. Estaba moi moi boa!

Paella de marisco

Ingredientes (para 10-12 persoas):
  • 2 kg de marisco conxelado (nós utilizamos gambas, langostinos pelados, langostinos con casca, zamburiñas, chipiróns, mexillóns...)
  • 4 tazóns de arroz 
  • 8-9 tazóns de auga
  • 1 pemento vermello grande
  • 1 cebola grande
  • 4-5 dentes de allo
  • 3-4 pementos morróns
  • 2-3 pastillas de caldo
  • Sal 
  • Aceite
 Elaboración:

Para comezarmos, temos que cubrir o fondo da paelleira con aceite e, cando estea quente, botamos todo o marisco (excepto o langostino con casca), previamente desconxelado, e rustrímolo durante uns minutos.  




De seguido, engadimos os dentes de allo, a cebola e o pemento vermello moi picados. Salgamos ao noso gusto.




Deixamos cociñar un pouco até que a verdura abrande un pouco e agregamos o arroz. 



Botamos as pastillas de caldo esfaragulladas e mesturamos ben. Tede en conta que se ides utilizar un bo caldo, este paso non sería necesario. 


Engadimos a auga e, de novo, remexemos moi ben. 



Colocamos os langostinos que tiñamos reservados e cociñamos durante 15-18 minutos, para que o arroz absorba todo o líquido. 



Colocamos os langostinos por arriba e poñemos os pementos morróns cortados en tiras. Probamos de sal e se está ben xa estaría preparada para comer!


Para @s que aínda nunca probastes a cociñardes este prato tradicional, anímovos xa que é máis sinxelo do que podedes pensar nun primeiro momento. Se non vos gusta o marisco ou polo que for, preferides facer unha paella máis económica, non tedes máis que botar os produtos que máis vos apetezan.
O que si me chama a atención, é que este prato se facía na súa orixe con cuscús, ese produto árabe do que tantísimo gustamos. Mudouse o arroz polo cuscús xa que en territorio mediterráneo abundaba moitísimo máis o primeito. Porén, eu fiquei con ganas de voltar a esa receita primixénea e creo que proximamente hei de probar botándolle cus-cús; dáme que será unha delicia. Esta paella de marisco desde logo que o foi. Riquísima! Fortes apertas amig@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario