mércores, 1 de outubro de 2014

Focaccia rápida picante

Xa había tempo que non dabamos unha desas voltas gastronómicas que tanto nos gustan pola Italia e hoxe cunha variante dunha receita xa antes elaborada, a focaccia. Tentamos darlle unha volta a este produto exquisito mudando algún que outro ingrediente, e sobre todo reducindo os tempos de preparacións para lograr da focaccia unha opción válida e moi interesante ante calquera xantar ou cea que xurda de repente. Tiñamos algo de respecto polo resultado, mais ficou espectacular e non notamos para nada a elaboración máis apurada. Así que non tedes polo que vos preocupar, se vos apetece focaccia e tedes pouco tempo, tranquil@s que tedes esta nova opción.

Focaccia rápida picante

Ingredientes:
  • 300 gr de fariña de forza
  • 80 gr de auga, aproximadamente
  • 1/2 vaso de aceite de oliva, máis unha cullerada
  • 8 gr de lévedo
  • 1/2 cebola
  • Uns dadiños do queixo que máis vos guste
  • 2 dentes de allo
  • 2 chiles pequenos
  • 2 culleriñas de alfábega
  • 1/2 culleriña de sal
  • 1/ culleriña de azucre
Elaboración:
Para comezarmos, temos de quentar o vaso de aceite co dente de allo picado, a culleriña de alfábega e os chiles tamén cortados finamente para que se aromatice e dé un sabor moito máis intenso. Deixamos repousar mentres elaboramos a masa. 

                                                 

Para elaborarmos a masa, temos que facer un oco na fariña e botarlle a cullerada de aceite e o lévedo disolto na auga. Mesturamos moi ben, a cantidade de auga é aproximada xa que dependendo da calidade da fariña pode precisar máis ou menos, tedes que ir probando.




Cando teñamos a teñamos lista, engadimos o queixo, a cebola picada e a outra culleriña de alfábega e, de novo, mesturamos ben. Coa a axuda das mans, estirámola no papel de forno sobre a bandexa en que a imos cocer.


Pintamos co aceite aromatizado e, neste caso como non é preciso deixar repousar, enfornamos a 190º, calor abaixo, durante 20-25 minutos. Se queredes, os últimos 5 minutos podedes poñer o grill por arriba para que se doure e estea máis crocante. 



E xa estaría lista para comer! Nós, esta vez, decidimos acompañala dunha ensalada moi completa (leituga, tomate, cebola, cogombro, queixo, xamón e paus de surimi) para unha cea. Mais podédela acompañar do que máis gustedes. Sexa como for, é un dos pans máis saborosos do mundo, do máis substancioso e nutritivo. Recoméndovos con moitas ansias que a probedes canto menos unha vez e que nos contedes como foi. Havos de sorprender para ben. Bo proveito!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario