domingo, 19 de outubro de 2014

Brownie de Oreo

Seguro que algúns/algunhas de vós estades a pensar que nos aborrecemos do chocolate. Non! É un amor eterno, de aí que vexades con tanta frecuencia receitas chocolateiras por aquí. E algunha como a de hoxe que mesmo parece ultrapasar os límite calóricos e tamén chocolateiros. Mais é que vímola na páxina de Alma Cupcakes e non nos puidemos resistir a probala para comprobar nun brownie ese sabor tan particular das oreo. E como diría Rosalía, "non che digo nada... ¡pero vaia!" Que marabilla. E si, un día é un día, non hai que preocuparse polas calorías, haha! Despois xa o compensaremos cun pouco de deporte, froita, verdura... :-)
Canto as Oreo, que contarvos... Cant@s seguidores terán estas bolachas polo mundo adiante... Ollando estes días pola rede, encontramos unha información certamente interesante. Ademais de cumprirse hai dous anos o centenario destas delicias, chamounos a atención que na súa orixe eran bastante máis altas que na actualidade, de aí o nome grego oreo que significa "colina", e sobre todo que sexan o segundo produto alimenticio máis vendido no mundo, e por suposto as gallegas máis populares. Chámanos a atención, mais non nos estraña, porque son un vicio! Ademais a súa sona veuse estendida coas múltiplas variantes. Ultimamente andan na moda as de Halloween, co recheo laranxa. Se é que son criminais! 
A ver que vos parece o proveito que nós lle tiramos: 


Brownie de Oreo

Ingredientes:
  • 250 gr de azucre moreno
  • 160 gr de manteiga
  • 120 gr de fariña
  • 70 gr de cacao en po
  • 8 galletas oreo, sen a crema
  • 2 ovos
Para a decoración: 
  • 200 ml de nata
  • 150 gr de chocolate negro
  • A crema das galletas que utilizamos antes
  • 8 galletas oreo

Elaboración:

Para comezar, temos de derreter a manteiga, podémolo facer nun cazo ou no microndas. De seguido, mesturamos moi ben co azucre e, despois, engadimos os ovos, un a un. 





 A continuación, botamos a fariña e o cacao peneirados até obter unha masa homoxénea. Engadimos as galletas en anacos e mesturamos de novo.




Botamos a mestura nun recipiente, ao que lle botamos unha pouca de manteiga e fariña para que non se pegue, apto para o forno e enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 25 minutos. Deixamos que arrefríe. 


Cando o brownie estea frio, desmoldámolo -tede coidado que a nos rompeunos un pouco ao ser unha masa tan húmida, aínda que ao cubrilo con máis chocolate non se notará.


 Quentamos a nata e engadímoslle o chocolate máis a crema das oreos e mesturamos até obter unha mestura homoxéna. 


 Botamos o chocolate derretido sobre o brownie, colocamos as oreo e deixamos arrefríar, mellor unha noite enteira, e xa estaría perfecto para comer!!



Rétovos a probalo e a ver cantas porcións sodes capaces de comer. Está tan bo... cun sabor  intenso e que resulta do máis farturento. Unha grande oportunidade para @s máis chocolateir@s. Esta sobremesa xa alcanza cotas dificilmente superábeis. Sería mesmo interesante calcular cantas calorías acumula esta marabilla gastronómica. Recoméndovos tamén a degustalo despois dun xantar ou cea non moi pesados para así desfrutardes máis del. Xa nos contaredes que tal :-) Unha aperta lambonciñ@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario