martes 23 agosto 2016

Pasta con salsa carbonara

Aquí estamos bolboreteir@s. Vimos fortes cunha receita clásica para coller folgos durante unha semana que andaremos, como todos os anos, pola Romaría do Bo Xantar, o Naseiro. Non vos preocupedes, que habedes ir tendo noticiais nosas, mais até o sábado 3 de setembro non haberá novidades no blogue.
A idea do prato de hoxe xorde após tempo comprobando que na maior parte dos restaurantes adoitan facer a salsa carbonara con nata, incluso sendo algúns italianos. Chamounos a atención porque cando visitamos Milano, unha das primeiras cousas que aprendimos foi que botarlle nata á carbonara era un sacrilexio para eles/as.
Desde aquela, sempre imos observando o modo de preparación nos diversos lugares e desta vez fomos nós quen nos animamos a preparala. Mais antes cómpre comentar un pouco da súa orixe, que sempre crea apetito, haha.
Naceu ao abeiro da II Guerra Mundial en Italia. Curiosamente, contra o aborrecemento dos militares británicos, fartos de comer sempre o mesmo. Desde a orixe, os ovos e a pementa negra convertéronse en elementos fundamentais deste prato. Non a nata. Parece ser que os alimentos que máis abundaban nesta época de racionamento nas cociñas militares eran os ovos e a panceta, polo que solicitaron un novo prato con eses elementos. Por suposto, a pasta estaba presente en todas as casas italianas polo que esta converteuse na base desa creación.
Ademais, cómpre recordar a orixe dese termo "carbonara", que se debe á zona dos Apeninos en que comezou a degustar e na que a actividade mineira era realmente importante. Mesmo existe a lenda de que a pementa negra xorde no prato como homenaxe aos carboneiros. Mais... permítannos que o dubidemos, haha.


Pasta con salsa carbonara


Ingredientes (para 4 persoas):


  • 300-350g de pasta
  • 200g de panceta afumada
  • 100g de queixo parmesano
  • 3 ovos
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal
  • 2 culleradas de aceite

sábado 20 agosto 2016

Ensalada de cuscús

Estaba claro, tiña que ser antes ou despois. Con tanto doce, acabaría tocando unha ensalada para depurar. Festas, aniversarios e moitas larpeiradas derivan nun pouco de deporte e nalgunha que outra receita saudábel para compensar. Mais tranquil@s, non habemos de tardar en papar algunha outra lambetada.
Demos co cuscús xa hai algo máis de dous anos e desde aquel día converteuse en parte fundamental da nosa dieta diaria por saboroso e por recorrente pois permítenos combinacións de todo tipo. Desta volta integrámola cun pouco de pavo xa que recibimos hai pouco un conxunto de alimentos de El Pozo aos que lle estamos tirando moitísimo proveito. Polo demais, ir completando até a considerarmos axeitada para un xantar lixeiro mais tamén satisfactorio. E cremos que quedou unha ensalada ben xeitosa, ou non?

Ensalada de cuscús


Ingredientes (para 2 persoas):

  • 250g de cuscús
  • 3-4 lascas grosas de pavo
  • 2 tomates
  • 1/2 cebola
  • 1 bote de chícharos
  • 1 bote de millo doce
  • 10 olivas
  • Auga

martes 16 agosto 2016

Torta de doce de leite e ganache de chocolate

Por Viveiro e por algúns outros sitios hoxe seguimos de ponte mais pensamos tamén nos que xa retornades ao traballo e por iso vos traemos unha das larpeiradas ideadas para estes días de enchenta. É certo que hai ingredientes aos que sempre recorremos pois supoñen a base da repostaría como o chocolate. Porén, sempre tentamos ir incorporando outros que, polo que sexa, non estamos tan habituados a eles. E ese é o doce de leite. Levamos unha tempada que probamos varias cousas que levaban doce de leite e que nos sorprenderon para ben e entón pensamos en que talvez sería momento de probarmos a preparar algo con el.
Comprámos o doce e aínda que por si só non nos agradou moito, no momento en que forma parte dunha sobremesa conquista a calquera pola intensidade e pola dozura que xa se deriva do seu propio nome.
As festas de San Roque teñen un toque moi larpeiro con esta nova receita que deixamos para que preparedes en canto quixerdes. Vai:

Torta de doce de leite e ganache de chocolate


Ingredientes:

Para a base:
  • 170 gr de manteiga
  • 45 gr de cacao
  • 250 gr de fariña
  • 75 gr de azucre glass
  • 45 gr de fariña de améndoas
  • Media culleradiña de sal
  • Unha culleradiña de esencia de vainilla
  • 1 ovo

sábado 13 agosto 2016

Torta de chocolate e crema de cacao

Hoxe é un deses días en que os bolbereteir@s máis larpeir@s se poñen supercontent@s pois traemos unha nova oda ao chocolate. Cacao, chocolate, crema de cacao, galletas Oreo, galletas Príncipe... Parece unha festa chocolateira e así foi. Puxémonos tod@s as botas con esta creación. 
Proba do boa que está esta torta é que, dos 13 comensais que había na mesa, boa parte deles repetiron sobremesa. 
Ademais, que o pasamos xenial facéndoa e aproveitando todo o que ía sobrando. Si, esta é unha estraña manía que temos algúns cociñeir@s na cociña. Sobre todo, @s que somos moi lambóns.
Por aquí, os aniversarios caracterízanse pola dozura xa que adoita haber máis dunha torta. Canto menos unha para a celebración en familia e outra para a celebracións coas amizades. E nós aproveitando para crear novas receitas para Bolboretas no bandullo. E se saen tan saborosas coma esta...


Torta de chocolate e crema de cacao


Ingredientes:

Para a base:
  • 200g de galletas Oreo
  • 200g de galletas Príncipe
  • Leite (opcional)
Para o recheo:
  • 800ml de nata
  • 400g de crema de cacao
  • 100g de chocolate
  • 100ml de leite

martes 09 agosto 2016

Pizza na tixola

Bo día, bolboreteir@s!!! Como levades agosto? Nós moi ben, sen dúbida. Entre aniversario e a chea de festexos que hai, isto é un alegría continua.
Xa había tempo que non vos traiamos unha pizza e iso non pode ser porque para nós é un dos grandes inventos gastronómicos da historia e un dos nosos pratos preferidos. O que sucede é que non existe número para contabilizar os mil tipos de pizza que hai, tanto de sabores como de xeitos de facer, e a nós gústanos ir probándoos todos pouco a pouco.
Tiñamos antollo hai tempo de facer a pizza dunha forma que xamais probáramos, nin a preparación nin a degustación: pasada pola tixola. Nós, como a maioría, sempre a facemos no forno eléctrico e cando temos oportunidade de ir á aldea, no forno de pedra, logrando sabores excelsos. Porén, nunha nos dera pola tixola.
A diferenza nótase. Xa quedará no voso padal se para ben ou para mal. Nós non escollemos. Simplemente... percíbese unha diferenza significativa que chama a atención. A masa fica bastante máis crocante, sobre todo por abaixo e cremos que se crean uns contrastes moi interesantes. 

Pizza na tixola


Ingredientes:


Para a base:
  • 200g de fariña de centeo integral
  • 200g de fariña de trigo
  • 100 ml de auga
  • 1 cullerada de lévedo en po
  • 1 cullerada de aceite
  • 1/2 culleriña de allo

sábado 06 agosto 2016

Torta enreixada de cereixas

Todos os anos por estas datas traemos un doce novo ao blogue, que adoita ser unha torta. E a explicación está no aniversario dunha das partes de Bolboretas no bandullo. E vaia, como ía faltar torta caseira para unha celebración así? Ademais, como estamos en época de moita froita adoitamos aproveitar para tirar beneficio dos amorodos, da sandía ou das cereixas, como neste caso.
A de hoxe é unha típica sobremesa americana, desta que vemos que nos filmes que fan as avoas e quedan a arrefriar nas repisas das xanelas, hahaha. Con todo, nós non fomos procurar a recetarios estadounidenses senón que aproveitándomos a colaboración do último martes, con toda unha crack da repostaría como Merchi Rodal, pois procurámolo no seu último libro, "Novas lambetadas dunha larpeira feliz". 
Así pois, só quedaba procurar produtos bos e darlle o toque de agarimo que nunca debe faltar nun doce para que saia todo o saboroso que corresponde.
Aí vai!


Torta enreixada de cereixas


Ingredientes (para un molde de 30cm):

Para a base:
  • 550g de fariña
  • 320g de manteiga
  • 150g de azucre
  • 2 ovos
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • 1kg e medio de cereixas
  • 240g de azucre

martes 02 agosto 2016

Bolboreteando con... Merchi Rodal

Hai semanas que son ben especiais e esta é unha delas. Por que? Pois porque temos un novo artigo para a nosa sección preferida, Bolboreteando con. Mais non só iso. A persoa que nos acompaña está ligada directamente ao mundo da cociña e é para nós desde hai uns anos unha referente. Estamos a falar de Merchi Rodal, a reposteira do programa Larpeiros da TVG e unha das persoas que máis nos ten inspirado na elaboración de receitas desde que comezamos con Bolboretas no bandullo, converténdose os seus libros en básicos da nosa biblioteca.
A de hoxe é a primeira colaboración dunha protagonista gastronómica e por isto cremos que é moi proveitosa para aprendermos dela e para desfrutarmos desta conversa.
Merchi Rodal naceu en Cangas cando os 80 se aproximaban, no ano 79. A pesar de que a súa formación non foi nun primeiro momento pola liña da gastronomía, si estivo achegado a ela cunha familia cociñeira tanto por avós como por pais, que foron levando un negocio familiar que xa vai pola terceira xeración. O restaurante “A de Mallo”, en Cangas, era unha perfecta mostra das virtudes entre fogóns dos antecesores de Merchi, onde contaban cunha materia prima espectacular.
Con todo, Merchi Rodal licenciouse en Ciencias do Mar e Técnico Superior en Cultivos Mariños o que confirmaba a súa paixón polo mar que sempre a rodeou. Xa se aproximou á cociña no Hostal e Apartamentos Rodeiramar 2A, do que é xerente, e onde practicaba con biscoitos e outras lambetadas nos almorzos. Con todo, a súa dedicación exclusiva á cociña veu por un vídeo en rede da cocción dunha centola, que acadou moito éxito e que lle deu a oportunidade de comezar a participar no programa “Larpeiros” e que a levou a continuar formándose no ámbito da panadaría e respostaría.